Escribimos sobre un amigo/a
Como describimos a un amig@/compañeir@?
· Introdución: presentamos a persoa que imos describir, onde vive, a idade, desde cando somos compañeiros.
· Físico e carácter: como é, a estatura, que rasgos destacan nela, se é simpática, alegre...
· Vestimenta: como acostuma vestir
· Afeccións: que lle gusta facer (ler, xogar ao fútbol, tocar un instrumento..) e se compartides afeccións.
· Anécdotas: que momento gracioso ou vivencia tiveches con esa persoa.
· Final: se cremos que vai continuar a relación nun futuro, que é o que máis nos gusta desa persoa...
Fixen unha descrición dunha amiga miña para que vos sirva de exemplo.Unha vida xuntas
María é amiga miña de toda vida xa que levamos vivindo unha fronte a outra desde ben cativas. Actualmente reside na Coruña xa que traballa nunha clínica para coidar a persoas que o necesitan. Algo que fai que a admire aínda máis. De pequenas iamos a todos os lados xuntas e seguimos percorrendo esta vida da man.
É morena, cunha estatura moi parecida á miña. O que máis destaca do seu físico é o seu cabelo groso rizado e ollos verdes. Temos un humor moi semellante, é tranquila pero sempre saca o seu carácter ante as inxustizas.
Gústalle vestir a diario de maneira cómoda, destacando na súa vestimenta a roupa deportiva e de cores máis ben escura.
Compartimos moitas afeccións como a música , a lectura, os disfraces... e tamén as festas!.
Vivimos moitas anécdotas xuntas. Como cando de pequenas fixemos un grupo de baile con tres integrantes máis e imitabamos ás Spice Girls (unha banda de música doutros tempos) ou cando botabamos a tarde na praia e non nos acordabamos máis de volver ata que chegaba a miña madriña preocupada a buscarnos.
Nunca nos enfadamos porque sabemos que a nosa amizade está por encima de calquera rifa sen importancia.
Comentarios
Publicar un comentario